Friday 03 de May de 2024

Ángeles Vázquez incide na aposta da Xunta por un uso razoable, sostible e eficiente da enerxía no eido residencial


Salienta o alto grao de concienciación da cidadanía ao respecto desta cuestión xa que se recibiron solicitudes para intervir en máis de 3.600 vivendas ao abeiro das axudas para mellora e rehabilitación

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez incidiu hoxe na aposta da Xunta por un uso “razoable, sostible e eficiente” da enerxía no eido residencial durante a inauguración da xornada Rehabilitación enerxética e descarbonización de edificios, que tivo lugar na Cámara de Comercio da Coruña.

Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez fixo fincapé no obxectivo de situar a Galicia como “un referente en materia de eficiencia, innovación construtiva e deseño e arquitectura sostibles”.

De feito, a Xunta promove a eficiencia enerxética tanto en vivendas de nova construción como na rehabilitación de inmobles. Así, no ano 2022 convocou axudas por un importe total de 52,4 millóns de euros destinadas a reducir os consumos dos fogares sen reducir o seu confort. Este compromiso manterase ao longo de 2023 ao contar cun orzamento de 41,3 millóns de euros para convocar de novo os programas de mellora da eficiencia enerxética nas vivendas e accesibilidade.

Ángeles Vázquez salientou o “alto grao de concienciación” da cidadanía sobre a importancia de evitar perdas de calor a través de fachadas e fiestras, de mellorar a envolvente para reparar problemas como filtracións e fisuras e de substituír as instalacións de calefacción e/ou auga quente por outras de menor consumo.

A maiores, segundo lembrou a conselleira, “construiremos 500 novas vivendas públicas enerxeticamente eficientes” nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Pontevedra e Vigo grazas a un investimento de máis de 69 millóns de euros, dos que a Xunta achega o 65% e o restante 35% corresponde a fondos europeos.